Sunday 19 de May de 2024

O Concello de Ortigueira poñerá en valor a escultura ‘A Despedida’, do recoñecido ceramista Francisco Pérez Porto


• O goberno local está a estudar a posibilidade de buscar unha nova localización á obra para situala nun lugar máis emblemático do municipio

• Desde a concellería de Educación e Cultura expuxeron a idea de organizar futuros proxectos conxuntos co artista

O alcalde de Ortigueira, Valentín Calvín, e a concelleira de Cultura, Ana Cartelle, recibiron na xornada de onte a visita do recoñecido ceramista Francisco Pérez Porto, autor da escultura ‘A Despedida’.
A peza de arte foi creada no ano 1995, cando se situou nos xardíns Julio Dávila. Con todo, a remodelación deste enclave entre os anos 2001 e 2002 provocou o seu traslado á súa localización actual, na zona do Mourón.
O encontro nace co obxectivo de darlle máis visibilidade e protagonismo á obra de Pérez Porto, xa que desde o goberno local están a estudar a posibilidade de localizala nun lugar máis emblemático do municipio e recuperar, así, o esplendor dunha peza única.
Trátase dun canto á emigración, que pon en valor un movemento de vital importancia para o municipio e convida a realizar unha viaxe simbólica aos principais países vinculados con ela. O municipio conta con diferentes referencias a este tema en numerosos puntos da súa xeografía e, ademais, realiza varios eventos anuais na súa conmemoración.

Proxectos futuros
A reunión serviu, ademais, para idear a posibilidade de facer novos proxectos en común co artista como protagonista. Desde a concellería de Educación e Cultura expuxeron a idea de organizar distintos actos en conxunto para darlle a visibilidade e recoñecemento que merece.
Entre as ideas baralladas están a creación dunha exposición ou unha residencia artística con parte da obra do ceramista, que é autor de recoñecidas esculturas como o ‘Monumento a Castelao’, o ‘Monumento a Rafael Dieste’ ou o ‘Monumento ao Pallaso’.
No seu palmarés atópanse numerosas exposicións por diferentes museos de Galicia e unha ampla variedade de premios.